20/11/17

GLOSARIO DE TERMOS XURÍDICOS DUBIDOSOS (castelán-galego)

Retomamos de novo as entradas desta bitácora cunha ferramenta que, de seguro, vos ha ser moi útil no desenvolvemento do voso traballo cotiá. Trátase do Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego) da autoría de Martín Ramos Insua, cuxa edición dixital viu a luz no ano 2008 da man do Servizo Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Amais, esta obra lexicográfica tivo a súa versión en papel nun dos números da revista Avogacía Compostelá.




17/05/17

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2017: CARLOS CASARES MOURIÑO

Este ano o Día das Letras Galegas rende homenaxe ao escritor ourensán Carlos Casares Mouriño.




Velaquí queda un fragmento do autor musicado polo grupo Xardín Desordenado.

17/05/16

24/12/15

BO NADAL E FELIZ 2016!

Quero desexarvos a todos/as unhas boas festas e darvos, outro ano máis, as grazas polas vosas consultas, suxestións e comentarios ao longo destes sete anos de existencia de De verbo a verbo. Prometo entradas con máis regularidade para o ano 2016!


02/10/15

DE PAXES, GARAXES E TRAXES!

Na publicación do colectivo Ronseltz titulada Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994) ofrécese a seguinte composición:
Todo na miña terra é paisaxe
menos traxe, paxe e garaxe.

Estes breves versos vannos axudar a recordar que as palabras que rematan en -axe teñen todas xénero feminino, excepto paxe, garaxe e traxe, cuxo xénero é o masculino. Vexamos os exemplos:

O garaxe está inundado por mor da chuvia
Fixen unha viaxe dende o Courel a Fisterra

No caso de personaxe, utilizarémolo en masculino cando facemos referencia a un substantivo masculino e feminino, cando nos referimos a un substantivo en xénero feminino. De non haber marca de xénero, empregámolo en masculino. Por exemplo:

Sempre pensei que Rosalía de Castro era unha personaxe fascinante
Menudo personaxe está feito ese xogador de baloncesto!
Cantos personaxes hai no mundo!

No caso de salvaxe, lembrade que é un adxectivo e, polo tanto, vai adoptar o xénero masculino ou feminino en función do susbstantivo ao que acompañe. Vexamos:

É un home salvaxe
É unha muller salvaxe

Ben fácil, verdade?

23/05/15

A DIÉRESE

A diérese é un trazo (¨) que se pon sobre o i ou o u para indicar que hai que pronuncialo. Noutras linguas, coma o alemán -por citar un exemplo- é un signo moi frecuente, pero en galego o seu uso limítase aos casos:
a)      En que hai que pronunciar o ü: bilingüe, pingüín, etc.
b)      1a e 2a  Persoa plural dos copretéritos (ou pretéritos imperfectos) dos verbos rematados en -aer, -oer, -aír, -oír e -uír: caïamos, caïades, roïamos, roïades, saïamos, saïades, oïamos, oïades, construïamos, construïades, etc. A diérese nas segundas persoas deste tempo verbal serve para desfacer a ambigüidade coas mesmas persoas do presente de subxuntivo e a súa presenza indica ademais que o ï forma unha sílaba independente, a pesar de ser átono: ca-ï-a-mos.

Por exemplo:
Pte. de subxuntivo: caiamos/caiades

Oxalá non caiamos da dorna.
Para facer puenting é preciso que caiades da ponte.

Cpto. de indicativo: caïamos/caïades

Cando andabamos en bicicleta e non existían as beirarrúas caïamos sempre nas cunetas.
Lembrades cando non caïades da burra por máis explicacións que vos deran?

22/12/14


BO NADAL E FELIZ 2015!

Quero desexarvos a todos unhas boas festas e darvos, outro ano máis, as grazas polas vosas consultas, suxestións e comentarios ao longo destes seis anos de existencia de De verbo a verbo.


18/11/14

TERMOS ESENCIAIS DE ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA


Dende a área de terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela chéganos unha nova obra lexicográfica relacionada co ámbito da Administración e descargable en formato .pdf. Trátase dos Termos esenciais de administración electrónica, da autoría de Xusto A. Rodríguez Río, que pon ao noso dispor en galego, español, francés, inglés e catalán un total de 164 entradas (entre completas e remisivas), organizadas en sete campos temáticos: Conceptos xerais; Análise, mellora e simplificación de procesos; Calidade de planificación estratéxica; Infraestruturas tecnolóxicas; Procedemento administrativo e Seguridade e Tramitación electrónica.


Parabéns a Xusto A. Rodríguez Río por compartir connosco esta obra, que a partir de agora terá un oco no noso andel da linguaxe administrativa!