16/01/09

OUTRO MANUAL PARA ESTUDARMOS A LINGUAXE ADMINISTRATIVA

Para que non vos esquezades dos trazos máis característicos da linguaxe administrativa, convídovos a que consultedes o Curso de actualización da lingua e linguaxe administrativa galega, obra coordinada por Nel Vidal (2006): http://fedella.files.wordpress.com/2007/10/material_curso_egap.pdf
Ollo con imprimir ao chou, que ten case 300 páxs./pp.!

14/01/09

E LOGO... CAL É A OPCIÓN CORRECTA DAS ENQUISAS?

a) Na oración Ao non haber circunstancia *algunha que poida afectar á execución das obras hai un erro; lembrade que o uso de algún para resaltar unha dobre negación non é correcto en galego, pois ao existir xa unha negación debemos empregar a forma ningún. Non esquezades que dúas negacións en galego non se anulan. Vexamos: negación (non)+negación (ningún)=negación.
A solución, moi acertada por vós, é a 3ª opción da enquisa.
Aí vai: Ao non haber circunstancia ningunha que poida afectar á execución das obras.
Parabéns para os participantes!
b) Na segunda enquisa hai un empate. Imos ver que pasou aquí!
A oración Teño vacacións de igual xeito *co resto dos traballadores da empresa é incorrecta debido a que co é unha contracción da conxunción con e do artigo (determinado e masculino) o. Polo tanto, aquí hai unha confusión entre a conxunción comparativa ca e a contracción co; a forma correcta é a conxunción ca acompañada do artigo o = ca o/có. Aínda que está é a conxunción preferente, tamén podemos empregar que.
Aí vai: Teño vacacións de igual xeito ca o/có/ que o resto dos traballadores da empresa.
EN PRÓXIMOS CAPÍTULOS MÁIS SOBRE O CA...