23/05/15

A DIÉRESE

A diérese é un trazo (¨) que se pon sobre o i ou o u para indicar que hai que pronuncialo. Noutras linguas, coma o alemán -por citar un exemplo- é un signo moi frecuente, pero en galego o seu uso limítase aos casos:
a)      En que hai que pronunciar o ü: bilingüe, pingüín, etc.
b)      1a e 2a  Persoa plural dos copretéritos (ou pretéritos imperfectos) dos verbos rematados en -aer, -oer, -aír, -oír e -uír: caïamos, caïades, roïamos, roïades, saïamos, saïades, oïamos, oïades, construïamos, construïades, etc. A diérese nas segundas persoas deste tempo verbal serve para desfacer a ambigüidade coas mesmas persoas do presente de subxuntivo e a súa presenza indica ademais que o ï forma unha sílaba independente, a pesar de ser átono: ca-ï-a-mos.

Por exemplo:
Pte. de subxuntivo: caiamos/caiades

Oxalá non caiamos da dorna.
Para facer puenting é preciso que caiades da ponte.

Cpto. de indicativo: caïamos/caïades

Cando andabamos en bicicleta e non existían as beirarrúas caïamos sempre nas cunetas.
Lembrades cando non caïades da burra por máis explicacións que vos deran?